viernes, 9 de octubre de 2015

IDENTIDADE DIXITAL


Vivimos inmersos na era dixital, na sociedade da información. Pouco a pouco internet é parte das nosas vidas cotiás. Andamos con el a todas as partes e non paramos de mandar datos ao ciberespacio. É innegable que con esta tecnoloxía estase a modificar o modo de relacionarse cos demais, de comunicarse e de estudar. Coa web 2.0 nace o termo de identidade dixital.

Que é a identidade dixital?

Na época actual, as tecnoloxías do procesamento da información e a comunicación, coa aparición da web 2.0, sitúan ao individuo na rede, creando contido, divulgándoo, buscando información, formando redes de diferentes tipos. Toda esta actividade que se xera con este comportamento activo vai construíndo unha identidade.

A identidade defínese como o conxunto de trazos propios dun individuo ou dun grupo de individuos que os caracterizan fronte aos demais. Esta identidade, no ámbito das novas tecnoloxías, denomínase identidade dixital e son os trazos que caracterizan a un individuo ou un grupo nun contorno tecnolóxico.

A construción da identidade dixital está relacionada co desenvolvemento de habilidades no manexo das tecnoloxías da información e a comunicación e cunha actitude activa, aberta, participativa e colaborativa na rede.

Constrúese coa achega de textos, imaxes e vídeos a Internet e, nas redes sociais, a través dun perfil de usuario que se enlaza cos perfís doutros usuarios ou contactos. A identidade relacionase coa dos demais e percíbese dunha forma subxectiva conformando unha reputación dixital.

Estas identidades, nuns casos, coinciden coa identidade da persoa na vida real, noutros casos, non. Recoméndase crear unha identidade dixital homoxénea coa identidade real e ben xestionada porque repercute nunha vida máis activa en todos os ámbitos e nun entramado social máis consolidado.

Que é a identidade dixital profesional?

Unha das maiores contribucións da web 2.0 é a construción de canles multidireccionais e hiperconectadas onde os usuarios participan, interactúan e colaboran. A isto hai que engadir un maior interese polas redes sociais verticais, especializadas nalgunha materia. Neste ámbito nacen as redes dixitais profesionais.

Nas redes de grupos profesionais vaise construíndo unha identidade profesional seria, rigorosa, en conexión con outras persoas do mesmo sector no que se traballa, coas que se mantén contacto.

Esta identidade dixital é a identidade dixital profesional. É unha forma de obter reputación e valoración profesional, que pode ter consecuencias laborais, aínda que non é exactamente unha técnica de busca de emprego. A reputación online é a opinión ou consideración social que os demais usuarios teñen da nosa contribución online.

Hai que ter en conta que calquera recrutador ou empregador vai usar esta fonte de información para saber máis sobre nós, sobre a nosa vida persoal e profesional. Por este motivo é moi importante coidar a imaxe que proxectamos na rede e os demais poden ver, pois esta identidade é a que nos define, a nosa personalidade.

Unha das posibilidades que nos facilita a rede é xestionar a nosa identidade dixital, coa creación dun perfil homoxéneo, rigoroso, profesional e contrastado. A este currículo virtual podemos engadirlle evidencias e tamén amosar opinións doutros profesionais do mesmo sector.


Déixovos un interesante vídeo sobre este tema.


No hay comentarios:

Publicar un comentario